QUEREMOS UNA ANTORCHA ABIERTA

QUEREMOS UNA ANTORCHA ABIERTA, NO ELITISTA, EN LA QUE TODOS LOS MIEMBROS DEL TALLER PUEDAN PUBLICAR SUS OBRAS SIN RESTRICCIONES. SOBRE TODO A LOS NUEVOS... ANIMO

miércoles, 28 de marzo de 2012

A NENA

Agora os tempos son outros, xa o sei, pero eu estou soíña e non sei para que Deus me deixa vivir tanto. Funlle casada, ¿sabe vostede?, e o meu home, que en gloria estea que aló vai, traballaba o pobriño a terra allea, tanto se chovía ou neveba, como se caían os paxáros torrados co sol, para que na sobeira non faltase un bocado de pan.

Cando aquela mañá vin aparecer polo carreiro a don Silverio, fachendoso coma un rei no seu cabalo, souben que amencera para nós un deses días que o pobres tememos, porque sabemos que virán. E en contra dos que non temos defensa. Pedíume a filla, e eu sentín que me cortaban o corazón. "Aínda é unha nena. Déixea sequera un aniño máis na escola", roguéille. "Non, non", dixo o amo do predio onde me criei e no que naceran os meus pais. "Hai moito traballo e quéroa no pazo para a sacha das patacas". "Andivo maliña no inverno, señor, e non defende o xornal. Irei eu botarlles unha man no que faga falta", ofrecínme. "Que sexa ela", respondeu incomodado, "e dille ó Álvaro que veña buscar dous carros de herba seca. Non hai máis que falar". E foise.

A Minia ía para quince anos e era feitiña, porque tamén eu fora; dígollo humildemente, visto que nin a ela nin a min nos trouxo cousa boa. O día que marchou para o pazo non fun quen de pechar ollo en toda a noite. Sabía que o cabrón de don Silverio ía montala, como a min me montara o animal do seu pai. Os meus vellos, foran pagados cunha rella nova para o arado, e eu vendía a filla por dous carros de herba.

A nena esganouse na corte o día de San Pedro. Atopouna o seu pai; aínda estaba quente, pero xa non vivía. A dor quitounos ós dous forza do sangue para sempre. No enterro, tra da caixa, o pícaro máis novo do ferreiro choraba como un perdido. Nos vilares, camiño do cimiterio, cruzamos con don Silverio a galope e a súa rea de cans, que volvía de cazar. Virou a cara para o outro lado.

Carmen Gómez

No hay comentarios:

Publicar un comentario