QUEREMOS UNA ANTORCHA ABIERTA

QUEREMOS UNA ANTORCHA ABIERTA, NO ELITISTA, EN LA QUE TODOS LOS MIEMBROS DEL TALLER PUEDAN PUBLICAR SUS OBRAS SIN RESTRICCIONES. SOBRE TODO A LOS NUEVOS... ANIMO

miércoles, 29 de febrero de 2012

O XUIZ

"Diga su nombre", ordenoume, e eu mirei para el sen crelo. "E logo ¿non o sabe, ou?", respondinlle. Púxose tan aceso co cólera que se lle acendían as pallas na cara. Berroume furioso: "¿Cuál es su nombre y apellidos?". O alento non me saía e as palabras atrancábanseme na gorxa. "María Lourés Bermúdez, para servir a Deus e a vostede", contestei cun fío de voz, porque se me cortaran non sangraba. Enchía a mesa e era temeroso, pero seguía sendo un merdán coma sempre - María; ti es forte e tés boa espeteira - dixérame o señor Ambrosio da casa grande, o día que me veu ver á choupana, dous días despois de dar a luz -. A miña dona acaba de ter un neno e non ten leite. Se o crías co teu, non che vai pesar. E crieino. El mamaba primeiro e zugábame tanto que o meu fillo, ás veces, choraba coa fame, agarradiño ós peitos secos. De pequenos leváronse coma xemelgos, pero era o meu Anxo o que escorrentaba ó fato de rapaces da escola que se metían con el dicíndolle: "Ambrosito, ¿onde dejaste la carabina?" e o que apañaba as pedradas. De mozos, se non o vale na romaría dos Milagres fronte ós de Lucas por lles deixar a irmá plantada no baile, hoxe non sería xuiz, nunca tería postos os ollos na miña nora e estaría no cimiterio dando malvas. Este é o pago. Enzunado cunha muller que non é a súa, para conseguila mándame o fillo á cadea. ¡Maldita sexa a hora en que te acollín nos meus brazos e te arrolei no berce!. Renego para sempre do leite que mamaches no meu seo, se non se vira veleno que che queime as veas. E permita Deus que tal como ti mentes hoxe en contra do meu fillo, mintan no Xuizo Final as túas testemuñas contra ti.

Carmen Gómez

No hay comentarios:

Publicar un comentario